Que é unha tradución financeira?

Unha tradución financeira consiste en transcribir dun idioma a outro textos de temática económico-financeira. Esta definición engloba contidos moi amplos, desde artigos de prensa financeira especializada, pasando por un contrato de compravenda de bonos, ata as contas anuais dunha sociedade anónima.

Obviamente, non é un tipo de tradución que se poida cualificar como “sinxelo”. Partimos dun texto que moitas veces resulta xa de difícil comprensión para o propio autor na súa lingua de orixe.

Poñamos por caso a tradución do inglés ao galego dun folleto de marketing de produtos financeiros complexos que coticen en bolsa: un seguro de cambio (forward), por exemplo. Adoitan ser as propias persoas que traballan nos departamentos de marketing das empresas que comercializan estes derivados financeiros as que encargan a tradución destes documentos e, en moitas ocasións, chegan ata nós, os tradutores especializados de axencias de tradución, feitas un mar de dúbidas: dúbidas sobre o seu funcionamento, as súas oscilacións dependentes de determinados índices de referencia, etc., e dúbidas arredor das diferenzas que existen con outros tipos de contratos financeiros, coma os contratos de contado (spot), as permutas financeiras (swaps) ou as opcións de tipo de cambio. As diferenzas entre estes produtos derivados son moi pequenas, polo que moitas veces se usan indistintamente de maneira equivocada.

A complexidade destes produtos é o feito de que a maior parte procede de figuras do dereito anglosaxón, sen equivalentes perfectos no noso sistema xurídico (de feito, moitos deles empréganse directamente en inglés), que propician que mesmo profesores ou investigadores do mundo académico incorran en erros terminolóxicos, confundan produtos financeiros semellantes pero diferentes ou traduzan incorrectamente termos do inglés ao galego. Se isto acontece con persoas expertas na materia, cal podería ser o resultado de confiar a tradución dun documento destas características a un tradutor ou a unha axencia de tradución que careza da especialización necesaria?

Centrándonos no noso caso particular para a combinación lingüística entre inglés e as linguas da Península Ibérica, podemos dicir, sen dúbida algunha, que en España, en Portugal, no Reino Unido e nos Estados Unidos existen tradutores especializados que son auténticos expertos na área económico-financeira. Moitos deles, ademais de licenciados ou certificados en Tradución, son tamén licenciados en Dereito, en Económicas ou en Empresariais. Algúns compaxinan a profesión coas aulas na universidade, a avogacía e o asesoramento contable.

Non hai, polo tanto, escusa para deixar nas mans dun tradutor non especializado a tradución de documentos financeiros; un feito que, desgraciadamente, sucede en moitas ocasións. É, ata certo punto, desculpábel cando é o propio cliente quen encarga a tradución a un tradutor individual sen a formación e a experiencia necesarias para este tipo de traballo. O grave é cando o cliente confía nunha axencia de tradución para que esta asigne o traballo aos profesionais máis cualificados e, ben por desidia, ben por reducir custos e incrementar as marxes (na maioría dos casos), a axencia opta por tradutores sen as competencias necesarias.

E que podo facer eu, se non sei como vai este negocio da tradución? Tan sinxelo como solicitar á axencia información e CV da persoa que se vai ocupar da tradución e verificar, deste xeito, que o tradutor teña estudos complementarios aos de tradución relacionados coa área económica; preguntar se a tradución vai ser revisada polo menos por un revisor (tamén se pode solicitar información e o CV desa persoa ou persoas, se a axencia conta con máis dun filtro de revisión); solicitar referencias, experiencia previa, etc.

Unha tradución financeira é unha tradución, si, mais precisa dun tradutor financeiro, e non simplemente dun tradutor “a secas”. Valla o símil: un ordenador é unha máquina, si, mais cando hai que arranxalo a ninguén se lle ocorre chamar a un mecánico. Sentidiño.

 

About Francisco de Borja González Tenreiro

Born in Galicia, Spain. Degree in Law from the University of Santiago de Compostela, studies in Translation from Birmingham City College (Birmingham, UK) and in Philosophy from UNED. Expert in legal, financial and institutional translation and interpretation, with more than fifteen years of experience as a translator and interpreter in Spain, United Kingdom, United States, Portugal and Brazil. In his long career as a simultaneous interpreter he has been the Spanish, English, Portuguese and Galician voice for many well-known personalities coming from the world of culture, science and politics, such as the latest two U.N. Secretaries-General, Mr. Ban Ki-Moon and Mr. António Guterres. He has also been the editor-in-chief for several bilingual publications, an award-winning column writer and is the general manager and head of legal-financial projects for englishpanish.

You May Also Like