Desde un punto de vista epistemolóxico, sempre me pareceu que o grao de Tradución e Interpretación tiña moito que ver co de Xornalismo. As dúas son carreiras moi válidas para adquirir competencias instrumentais de busca e recollida de información relativas a unha pluralidade de materias particulares do saber humano: os uns, para poder afrontar con garantías a tradución dun documento xurídico, médico, técnico ou financeiro encomendada por un cliente particular; os outros, para poder informar, con coñecemento de causa, á cidadanía en xeral, dun determinado suceso da vida política, económica, cultural ou social.
Con todo, é obvio que canto máis especializada sexa a materia, máis técnica ou máis complexa, tanto máis complicado resultaralle ao tradutor ou ao xornalista o devandito proceso de busca, recollida e, sobre todo, «asimilación» de información. Non se pode esperar que ningunha persoa teña a capacidade para absorber os coñecementos desenvolvidos en catro, cinco ou ata seis anos de estudos especializados en apenas unhas horas ou uns poucos días de preparación para escribir un artigo ou unha tradución. Deste xeito, é habitual que determinados contidos dos xornais, como poden ser a crítica a unha sentenza do Tribunal Constitucional, a análise da repercusión dunha campaña de vacinación entre a poboación adulta e infantil ou o progreso das obras da liña ferroviaria de alta velocidade, se reserven para a pluma dun xurista, un médico ou un enxeñeiro de camiños.
Do mesmo xeito, cabería esperar que a tradución dun estudo sobre os efectos do alcohol en persoas aqueixadas de trastornos de distimia, dunha análise comparativa da lexicografía española e a alemá ou dun folleto sobre seguros de cambio ou outros instrumentos financeiros complexos a realizase un psiquiatra, un lingüista ou un economista bilingüe ou case bilingüe nos dous idiomas relevantes, o de orixe e o de chegada. Desgraciadamente, isto non é o que acontece na gran maioría dos casos, ben sexa por falta de persoal cualificado, sexa por mala praxe dos tradutores ou das mesmas empresas de tradución.
Mala praxe
Ao falar de mala praxe dos tradutores, refírome a que en moitas ocasións acéptanse proxectos de tradución cuxos contidos quedan completamente fóra das áreas de coñecemento do lingüista, na maioría dos casos vítima desa «ansiedade por traballar» que sufrimos os profesionais durante os nosos primeiros anos de experiencia ou en épocas de pouca demanda, e que a moitos lles leva a dicir que «si» ao primeiro encargo que chega ao correo electrónico.
E tamén mala praxe de moitísimas empresas, cando por economizar custos ou por deixamento asignan proxectos de temática altamente complexa baseándose case exclusivamente na combinación lingüística do tradutor colaborador.
O cliente está no seu dereito de reclamar á empresa que designe a un profesional especializado, así como a realizar todo tipo de consultas sobre a terminoloxía escollida polo tradutor e este, á súa vez, ten o deber deontolóxico de facilitar todo tipo de explicacións que deberán poñer de manifesto, sen ningún xénero de dúbidas, a súa pericia na materia sobre a que verse o documento.
Neste senso, son moitos os clientes de englishpanish, especialmente na área académico-científica e xurídico-financeira, que chegaron «rebotados» de malas experiencias con outras empresas ou tradutores individuais que acometían proxectos para os que non estaban suficientemente cualificados.
O problema: os proxectos non foron asignados a tradutores especializados.
Especialización
Ao meu entender, existen varias etapas polas que debe pasar un tradutor ata chegar á especialización. Durante os tres ou catro primeiros anos de profesión trataríase de traducir todo tipo de contidos non técnicos de carácter xeral e revisar materiais de contido técnico traducidos previamente por un tradutor especialista. A fin de contas, un tradutor, do mesmo modo que sucede co xornalista, ten que saber un pouco de todo. Tomemos como exemplo a tradución dun contrato de compravenda de accións: o ideal sería que o profesional escollido estivese especializado en tradución xurídica, pero se unha das partes dese contrato fose, por exemplo, unha compañía que se dedica á xeración de enerxía termosolar, podería existir unha gran cantidade de cláusulas de contido altamente técnico, máis propias xa dun enxeñeiro que dun especialista en Dereito.
Durante ese tempo, o tradutor debe ir pensando (e complementando a súa formación nesa dirección), se non o fixo xa, no campo ou os campos de coñecemento nos que se vaia a especializar, e de maneira realista sobre o que pode ou non pode abarcar. Neste senso é moi habitual encontrar currículos de tradutores con especialidades que van dende materias tan dispares como a Bioloxía ou o Dereito, pasando pola Enxeñería. O tradutor ten que aspirar a ser un experto na materia que traduza, acrecentar a súa formación. Así, idealmente, un tradutor xurídico debería estudar tamén a carreira de Dereito; un tradutor de textos relacionados coa Psicoloxía debería estudar Psicoloxía, etc.
Non estou a dicir con isto que estes estudos complementarios sexan absolutamente necesarios para que un tradutor poida desenvolver de maneira satisfactoria o seu traballo. Existen outros modos de chegar ao mesmo obxectivo (a especialización), alén da formación reglada, como a repetición constante de revisións e traducións sobre a mesma materia e a aprendizaxe autónoma do tradutor. Pero, en todo caso, non hai dúbida de que o cliente sempre se vai sentir máis seguro se se lle comunica que a súa tradución xurídica a vai realizar un licenciado en Dereito ou que a tradución do seu manual de usuario dun equipo de traballo a vai facer un enxeñeiro.
E alguén se vai estrañar por iso?
About Francisco de Borja González Tenreiro
Born in Galicia, Spain. Degree in Law from the University of Santiago de Compostela, studies in Translation from Birmingham City College (Birmingham, UK) and in Philosophy from UNED. Expert in legal, financial and institutional translation and interpretation, with more than fifteen years of experience as a translator and interpreter in Spain, United Kingdom, United States, Portugal and Brazil. In his long career as a simultaneous interpreter he has been the Spanish, English, Portuguese and Galician voice for many well-known personalities coming from the world of culture, science and politics, such as the latest two U.N. Secretaries-General, Mr. Ban Ki-Moon and Mr. António Guterres. He has also been the editor-in-chief for several bilingual publications, an award-winning column writer and is the general manager and head of legal-financial projects for englishpanish.
You May Also Like
Que é unha tradución financeira?
- Wednesday, December 9, 2020
- in Tradución, Tradución Xurídica
- By Francisco de Borja González Tenreiro
Que é unha tradución xurada?
- Tuesday, October 20, 2020
- in Tradución Xurídica
- By María Jesús Fernández Villar
Lingua materna: un día para conmemorar a nosa orixe
- Thursday, February 21, 2019
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández
Tradución Asistida e Tradución Automática
- Wednesday, October 3, 2018
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández
Campañas publicitarias arruinadas por unha mala tradución
- Monday, March 26, 2018
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández