Que é a revisión académica e por que importa?

A revisión académica consiste na lectura e corrección ortográfica, gramatical e terminolóxica dun documento académico (teses, artigos científicos, ensaios, etc.). Isto inclúe cuestións de estilo e ortotipográficas, así como a verificación de referencias e citas bibliográficas.

A revisión académica é unha tarefa que pode resultar mesmo máis complexa que a propia tradución. O revisor ten que estar atento á máis mínima desviación da lingua ou errata e, en definitiva, calquera cousa que se lle poida pasar ao tradutor ou redactor do texto. Por que é a revisión académica diferente aos outros tipos de revisión?

Normalmente os textos de calquera autor pasan por unha revisión previa antes da súa publicación, independentemente da súa tipoloxía ou de se se trata dunha tradución ou dun texto orixinal. Porén, non sempre é así ou non se fai o suficiente, como reflicten as numerosas erratas que podemos atopar en libros ou artigos. Mesmo cando varias persoas revisan un texto, é posible que o resultado final siga contendo algún que outro erro (un dobre espazo, unha coma mal colocada…). Imaxina se ninguén o revisa!

Quen solicita unha revisión académica?

Este servizo solicítano con frecuencia investigadores que escriben artigos académicos nun idioma que non é a súa lingua nativa. Polo tanto, o texto precisará dunha revisión para corrixir calquera erro ortográfico, de gramática e estilo, ademais dunha revisión da terminoloxía específica.

O revisor académico

No ámbito académico, encontrámonos ademais cunha dificultade engadida: a especialización dos textos. O revisor académico non terá que estar atento simplemente ás faltas de ortografía e aos erros na gramática, senón que, ademais, deberá coñecer o ámbito do texto para asegurarse de que a terminoloxía que se usa é a apropiada, que os autores están citados seguindo as normas establecidas, que as referencias son coherentes, etc. Por outra banda, tense que asegurar que o rexistro, a redacción e o estilo son axeitados para os textos deste tipo.

Por todo iso, o revisor académico ten que posuír unha ampla experiencia non só en revisión, senón tamén en tradución, especializarse en diversas áreas de coñecemento, ter competencias lingüísticas a nivel nativo e, ademais, ser minucioso con cada detalle, para asegurarse de que non se lle escapa nada.

Por outra banda, e como dicimos nós, catro ollos ven máis que dous, polo que se en vez dun só revisor, son dous os que corrixen o texto, o nivel de perfección atinxido será mesmo maior.

As publicacións internacionais

É posible que penses en por que se traducen tantos textos académicos e por que é tan necesaria a súa revisión. Os equipos de investigación das universidades traballan sen descanso para facer avances nos seus respectivos campos de coñecemento. Estes avances son de interese internacional para as distintas comunidades académicas e científicas, polo que se comparten en forma de artigos publicados en revistas especializadas.

Por suposto, para a publicación dun artigo nunha revista internacional, o máis probable é que necesite estar redactado en inglés de forma impoluta. Ademais, cada revista segue unha determinada guía de estilo ou mesmo ten a súa propia, polo que non abonda simplemente con escribir ou traducir o noso texto ao inglés, hai que adaptalo. Outras cuestións ortotipográficas referentes a números e signos, por exemplo, tamén varían dependendo da lingua, así que non poden pasarse por alto.

About Xerezade Ansedes López

Graduate Degree in Translation and Interpreting from Universidade de Vigo, Spain. Degree in English Language and German from Bangor University, UK. English teacher and translator and proofreader in the German and English to Spanish combinations. Published author.

You May Also Like