Acontece en todos os eidos. Hai uns anos os adultos comezaron a pintar como cando eran nenos pola moda dos mandalas. A consecuencia: unha produción desorbitada de lapis de cores, coa que as empresas do sector non contaban. Na tradución audiovisual, o noso mandala particular foi a televisión á carta. Cada vez se crea máis contido audiovisual, porque o espectador o demanda. A meirande parte dese contido (non todo) chega ao espectador a través da dobraxe, e tamén da subtitulaxe.
Pero que é a subtitulaxe?
A subtitulaxe é unha técnica de tradución audiovisual. Esta técnica facilítalle ao espectador a comprensión dun texto oral, en versión orixinal, mediante a súa tradución escrita. É dicir, a tradución aparece na pantalla acompañando á imaxe e tamén ao son orixinal. Por tanto, trátase dunha técnica subordinada a unhas características específicas, polo que ten que seguir uns estándares propios.
Conceptos técnicos
Os subtítulos deben aparecer, na medida do posible, centrados na parte inferior da pantalla. Deben ter como máximo dúas liñas e non superar os 70 caracteres (35 caracteres por liña, contando tamén espazos). O tempo que permanecen na pantalla tamén está fixado. Non debe superar os 6 segundos, nin ser inferior a 1 segundo, tendo en conta a densidade do texto. Por último, o texto debe aparecer ao mesmo tempo que o son. Para iso é necesario pautar os subtítulos, e que aparezan e desaparezan da forma máis natural posible.
Contido textual
Ante todo, os subtítulos deben respectar as normas xerais da linguaxe. A subordinación da que falamos antes non pode forzar un contido demasiado esquemático, ou que vulnere a corrección lingüística. Alén diso, na subtitulaxe debemos usar ben a cursiva (voces fóra de plano, cancións, aparatos), as maiúsculas (carteis, títulos, texto escrito que aparece na pantalla), o guión curto para os diálogos, e atender a moitas outras convencións.
Subtitulaxe na actualidade
O espectador cada vez consume máis televisión á carta, e as grandes competidoras responden botando máis leña ao lume. Isto tradúcese nun maior volume de traballo para os profesionais da subtitulaxe, pero tamén en prazos de traballo máis curtos. É moi frecuente a subcontratación, de forma que entre o tradutor dos subtítulos e a cadea existen moitos intermediarios. Non hai moito, HBO chegou a utilizar os subtítulos dun aficionado que sube as súas traducións a portais piratas. A cadea chegou mesmo a publicar o alcume do aficionado ao final do episodio. Trátase dun erro moi grave nesa cadea de intermediarios, onde probablemente se tratou de cumprir uns prazos abusivos, ou se cadra simplemente se intentou sacar máis beneficio. O caso é que segue sendo necesario, tamén neste sector, inculcar a idea da necesidade de contratar a un bo profesional.
Quen pode necesitar contratar a tradución duns subtítulos?
A subtitulaxe non está relegada unicamente aos contidos audiovisuais aos que temos acceso a través dos nosos televisores, ou ás películas de cinema independente que imos ver obrigados para impresionar á nosa media metade. É moi común, especialmente na actualidade, o contido audiovisual que se xera cunha intención publicitaria. Por exemplo, vídeos promocionais de presentación de empresas, que se crean nun idioma en concreto, aos que se lles engaden os subtítulos necesarios para que o contido chegue a todos os recunchos do mundo.
Nin que dicir ten o importante que é que estes servizos se poñan en man dun profesional. É unha estupenda idea desenvolver un vídeo promocional da nosa empresa, no que expoñamos os nosos obxectivos e o que podemos facer polos nosos clientes. Tamén o é traducir e subtitular ese vídeo para que máis clientes poidan acceder ao noso produto. É unha idea terrible confiar o mercado internacional ao noso «cuñado Luís», que se manexa coa computadora e pasou un ano de Erasmus en Reino Unido. Evidentemente, a calidade profesional non se alcanza escatimando en medios. Se presentamos a nosa empresa aos nosos clientes potenciais cun traballo mediocre, imos deteriorar a imaxe da nosa compañía, en lugar de potenciala. Por iso mesmo, do mesmo xeito que en calquera outro campo da tradución, é imprescindible poñer o noso traballo en mans dun profesional con experiencia.
About Antonio Leal Fernández
Graduate degree in Translation and Interpretation from Universidade de Vigo (2013). Translator and proofreader in the German and English to Spanish combinations.
You May Also Like
A especialización na tradución
- Monday, January 24, 2022
- in Tradución
- By Francisco de Borja González Tenreiro
Que é unha tradución financeira?
- Wednesday, December 9, 2020
- in Tradución, Tradución Xurídica
- By Francisco de Borja González Tenreiro
Que é unha tradución xurada?
- Tuesday, October 20, 2020
- in Tradución Xurídica
- By María Jesús Fernández Villar
Lingua materna: un día para conmemorar a nosa orixe
- Thursday, February 21, 2019
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández
Tradución Asistida e Tradución Automática
- Wednesday, October 3, 2018
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández
Campañas publicitarias arruinadas por unha mala tradución
- Monday, March 26, 2018
- in Tradución
- By Antonio Leal Fernández