Tradución Asistida e Tradución Automática

Quen nos ía dicir hai tan só 20 anos que os ordenadores estarían tan presentes nas nosas vidas diarias? Hoxe en día é impensábel realizar a meirande parte das tarefas cotiáns sen a axuda deses poderosos aliados que temos atopado nos dispositivos dixitais. No mundo da tradución tamén nos facilitaron moito o traballo.

Tradución asistida

Un tradutor profesional do século XX contaba na súa oficina unicamente con unha morea de documentos, tres ou catro dicionarios especializados, a súa experiencia e toda a paciencia do mundo. Porén, coa introdución dos ordenadores e da Tradución asistida, a nosa labor e notablemente máis simple. A tradución asistida por ordenador (TAO) é o nome que recibe o software que trata de simplificar os traballos de tradución.

Por unha banda, os programas de TAO segmentan o texto en frases que o tradutor vai traducindo. Á esquerda dispón o texto orixinal, dividido en segmentos, e á dereita vanse introducindo as traducións. Ao dispor o texto en dúas columnas, facilítase enormemente a labor do tradutor, e especialmente a do revisor.

O tradutor vai traducindo e deste xeito alimenta a memoria de tradución do programa. Esta memoria vainos axudar no caso de atopar un mesmo termo varias veces, ou mesmo unha frase idéntica. Son especialmente útiles en traducións técnicas, nas que a terminoloxía é fundamental. Mais tamén cando actualizamos antigas traducións, nas que é preciso manter a coherencia entre ambas traducións.

Porén, as memorias teñen limitacións. Existen unha morea de termos que, dependendo do contexto, teñen significados distintos. Por exemplo, blade pode significar coitela, mais shoulder blade significa omoplata, e wiper blade limpaparabrisas. Corresponde ao tradutor, en última instancia, interpretar o texto e decidir que termo se axusta máis a cada situación.

Tradución automática

Por outra banda, temos a tradución automática. Pode parecer que ten sido inventada hai relativamente pouco, pero o certo e que a primeira tradución automática realizouse nos anos 50 do século pasado. A súa función é orixinar un texto nun idioma B, a partir dun texto nun idioma A, sen que sexa necesaria a intervención dun tradutor humano. Para iso, pódense tomar traducións xa realizadas por tradutores humanos e buscar estatisticamente a máis usada para cada termo ou oración, ou se pode xerar unha tradución a partir de regras nas que se se combinan normas lingüísticas e gramaticais co contido de dicionarios comúns.

Os resultados que aportan seguen a estar lonxe da calidade de traducións profesionais, aínda que é certo que cada vez son máis sofisticados. En calquera caso, acabarán por se converter nunha ferramenta máis ao servizo do tradutor, quen será o que interprete a mensaxe en conxunto e aplique a opción máis adecuada.

En conclusión, a tradución asistida e a automática supoñen, no día de hoxe, importantes ferramentas de tradución. Se se usan ben, poden axudar a crear traducións de grande calidade en tempos reducidos. Porén, non basta con ter un martelo para ser carpinteiro. Os motores de tradución automática poder ser útiles en casos concretos nos que desexamos entender a mensaxe xeral dun texto ou dunha frase illada, mais non poden competir en calidade cun tradutor profesional. Eliminar ao tradutor da ecuación implica prescindir da naturalidade, da eficacia da mensaxe e, en definitiva, da correcta transmisión do contido. Unha vez máis, non basta con Google Translate.

About Antonio Leal Fernández

Graduate degree in Translation and Interpretation from Universidade de Vigo (2013). Translator and proofreader in the German and English to Spanish combinations.

You May Also Like