A interpretación xudicial ten xerado especial polémica nos últimos tempos: a precariedade e intrusión laboral, xunto as traducións pouco fieis, abundan hoxe en día nos xulgados españois.
Os servizos profesionais de tradución son imprescindíbeis no mundo globalizado no que vivimos. Actualmente resulta imposíbel convivir na nosa sociedade sen manter contacto cunha lingua estranxeira. A meirande parte deses contactos transcorren ao longo do noso día a día sen decatarmos. Non en balde, detrás atópase unha auténtica horda de tradutores profesionais que nos facilitan as cousas e que fan que comprendamos na nosa lingua materna a Shakespeare, a Woody Allen, os termos e condicións legais do noso seguro ou a interface de aplicacións móbiles de todo tipo.
Porén, os servizos de tradución non sempre son levados a cabo por medio de profesionais do sector. Probablemente, todos poidamos evocar o recordo de traducións demasiado literais, erróneas e irrisorias que teñamos visto nos carteis de establecementos ou nas instrucións de artigos producidos no estranxeiro. A intrusión laboral é un problema grave que afecta ao noso eido. De todas as modalidades de tradución, se cadra a interpretación xudicial é onde máis patente se fai o perigo de confiar unha tradución a unha persoa que non conta coa preparación necesaria.
Daquela, se tan importante é a interpretación xudicial, por que se contratan intérpretes afeccionados sen formación específica?
Pola intención de abaratar custos e a falta de regulación neste ámbito. Os gobernos autonómicos españois, entre eles o galego, ceden a unha empresa concesionaria a oferta de intérpretes xudiciais cando estes se precisan nun xuízo. Os requisitos para entrar a formar parte deste corpo de intérpretes son tan flexíbeis que a miúdo atopamos profesionais de outros sectores, por exemplo a hostalería, que falan a lingua con fluidez, mais non dispoñen das destrezas necesarias para realizar un bo traballo. En ocasións, como aconteceu en febreiro de 2017 no Xulgado do Penal número 1 de Vigo, o xuíz vese na obriga de adiar a vista pola torpeza do intérprete. De non tomar esa medida, pódese incorrer nunha grave vulneración dos dereitos de defensa e pór en perigo as garantías procesuales.
As tarifas que se aboan a estes intérpretes non son adecuadas e ningún intérprete profesional coa formación necesaria as aceptaría. Esta formación vai alén do coñecemento da terminoloxía e do dominio das nocións específicas do sector. Tamén se require respectar o código deontolóxico dos tradutores. Unha boa interpretación non pode prescindir de parte da información e o intérprete non debe nunca exceder as súas funcións e aportar opinións ou aconsellar ao cliente, pois isto pode ser moi prexudicial.
A posta en valor de profesionais formados, competentes e comprometidos co seu traballo é unha tarefa que nos corresponde a todos nós. Escatimar gastos supón pór en risco a calidade dunha tradución, e isto pode traer consecuencias nefastas, que se poden evitar na súa meirande parte. Cómpre ter en conta o valor da experiencia e das horas de formación cando contratamos unha tradución. Diso vai depender que a nosa mensaxe transcenda como o faría unha obra de Shakespeare, ou que pola contra soe como as instrucións dun artigo de bazar.
About Antonio Leal Fernández
Graduate degree in Translation and Interpretation from Universidade de Vigo (2013). Translator and proofreader in the German and English to Spanish combinations.