Que é a interpretación remota?

A “nova normalidade” converteu en normais termos que anteriormente se restrinxían unicamente ao ámbito especializado sanitario, como coronavirus, pandemia, confinamento, asintomático e moitos outros.

Do mesmo modo, na área da tradución e a interpretación, conceptos como interpretación simultánea remota, interpretación a distancia, interpretación a través de cabina virtual, interpretación por Zoom ou outras plataformas de chamadas ou reunións virtuais, etc. estanse a facer cada vez máis habituais.

E entón, que é a interpretación remota?

A interpretación remota é un tipo de interpretación lingüística, simultánea ou consecutiva, que se utiliza para permitir a comunicación entre interlocutores de distinto idioma que se encontran tamén en localizacións distintas no momento en que se inicia esta comunicación.

Historicamente, este método de interpretación restrinxíase a chamadas telefónicas ou videoconferencias internacionais, tanto do ámbito privado como público ou empresarial. Recorríase sobre todo, e continúase recorrendo, á interpretación telefónica ou por videoconferencia no ámbito dunha negociación comercial entre representantes de distintas empresas de diferentes países. Por exemplo, negociacións previas a un contrato de distribución entre un fabricante e un distribuidor potencial dos produtos desa empresa nun determinado país obxectivo. Porén tamén no caso de litixios xudiciais, cando por exemplo se trata dun conflito que afecta a unha venda ou arrendamento da segunda residencia dunha persoa con domicilio principal no estranxeiro.

En todo caso, dentro do sector da interpretación simultánea ou consecutiva, a interpretación a distancia viña ocupando unha posición residual, toda vez que a presenza física dos intérpretes sempre se considerou necesaria en congresos, seminarios, conferencias, feiras, festivais, roldas de prensa e outros eventos físicos ou con audiencia presente.

Con todo, a pandemia mundial e os “novos costumes”, que segundo todos os indicios chegaron para ficar máis alén do que dure esta pandemia en particular, converteron a interpretación remota na nova estrela da tradución oral. Eses mesmos congresos, seminarios, conferencias, feiras, festivais e roldas de prensa que anteriormente contaban cun público asistente víronse obrigados a implementar mecanismos alternativos de comunicación para poder seguir adiante na nova era do distanciamento social. Para iso tiveron que recorrer a unha ampla variedade de plataformas dixitais. Do mesmo xeito que ocorreu con eses mesmos termos médicos especializados que mencionamos antes, nomes como Zoom, Houseparty ou Facetime son agora de coñecemento case xeneralizado. Así, a imaxe do display de Zoom cos distintos presidentes ou conselleiros de sanidade das comunidades autónomas reunidos virtualmente, mais cadaquén na súa casa, fíxose habitual nos informativos.

De feito, o funcionamento destas plataformas dixitais foi tan bo que moitos se preguntan se son realmente unha solución de urxencia ou se terminarán por substituír definitivamente ao formato presencial.

Podemos compartir un exemplo real moi recente que observamos nós mesmos cun dos nosos clientes. Durante a audiencia dun procedemento arbitral de ámbito internacional que, por causa do confinamento, tivo que celebrarse de maneira remota a través dunha plataforma dixital e con interpretación simultánea, tanto os avogados como o presidente do tribunal arbitral coincidiron en sinalar que o resultado tiña sido moito mellor do esperado e que este tipo de transmisión ofrecía vantaxes imprevistas con respecto a unha vista presencial, como a de poder visualizar moito mellor os documentos, diapositivas, gráficas, etc. que compoñen a proba pericial.

Dacordo, as solucións dixitais para reunións, litixios ou seminarios funcionan moi ben. Mais que ocorre cando se precisa dun servizo de interpretación idiomática para se poder entender?

Antigamente, coa interpretación telefónica, a tradución simultánea dos interlocutores sen axudas tecnolóxicas resultaba imposíbel. Era necesario recorrer á interpretación consecutiva, de maneira que a persoa falaba por un curto espazo de tempo, interrompía o seu discurso e, a continuación, o intérprete traducía ou facía un breve resumo no idioma do ouvinte do que acababa de dicir esa persoa. Deseguido respondía o interlocutor por un breve período de tempo e, de novo, volvía intervir o intérprete. E así sucesivamente. Por suposto, non fai falla ser moi entendido para darse de conta de que isto supoñía dobrar ou, mesmo, triplicar o tempo normal que duraría calquera conversación telefónica onde non se precisase de interpretación idiomática. E, no caso dunha negociación comercial, por exemplo, a falta de fluidez nas conversacións pode alargar máis aínda ou, mesmo, dificultar a conclusión de acordos entre empresas.

As novas solucións dixitais

As novas solucións dixitais de comunicación permiten que se poida implementar de maneira moito más fácil a interpretación simultánea. Por exemplo, no caso da aplicación Zoom, a súa configuración por “salas” (rooms) ofrece a posibilidade de habilitar unha sala determinada para cada idioma, de maneira que o ouvinte poida optar por recibir o audio da sala que se corresponda co seu propio idioma. Deste xeito, nunha reunión ou seminario que se desenvolva en inglés, a sala principal e á que se conecte a maior parte da audiencia será a do inglés. Non obstante, poderanse crear salas de castelán e francés ás que se asignen intérpretes destes dous idiomas e, desta maneira, aqueles asistentes de fala castelá ou francesa que prefiran escoitar o audio da interpretación na súa lingua nativa poderán trocar de sala para poder escoitalo.

Solucións como esta axústanse moi ben a reunións comerciais ou seminarios con poucos intervenientes onde o orzamento é limitado e non se pode incorrer en grandes custos. Se o comparamos coa interpretación simultánea habitual en cabina, con consolas de interpretación, receptores de audio e todo tipo de dispositivos para obter a mellor calidade de son (equipos analóxicos por infravermellos, etc.), non cabe dúbida de que o ouvinte non vai gozar dunha interpretación tan fluída, cun son tan nítido. Polo que respecta aos intérpretes, ademais desa perda de calidade na recepción do audio (o que complica máis aínda o seu traballo), e a menos que compartan espazo físico nun mesmo cuarto (recordemos que a interpretación simultánea case sempre se realiza por parellas), non se poderán escoitar entre eles, o que pode causar graves problemas á hora de xestionar os relevos ou apuntar ao compañeiro (escribirlle notas de, por exemplo, algunha cifra ou nome que teña omitido ou malinterpretado).

Interpretación remota de englishpanish

Na actualidade, a solución máis profesional e máis fiable para eventos importantes, congresos, etc. é a cabina de interpretación virtual que ofrecen algunhas empresas de tradución.

Trátase dunha ferramenta dixital que reproduce, algunhas cun nivel incríbel, a cabina e as consolas de interpretación físicas, de xeito que os intérpretes poidan realizar o seu traballo do mesmo modo en que o farían se estivesen nunha simultánea presencial. As máis sofisticadas, como por exemplo a que temos en englishpanish, ofrecen unha app para os participantes ou asistentes que cunha simple descarga e uns auriculares permite escoitar o audio dos intérpretes en calquera lugar, con total mobilidade e sen necesidade de ter que ficar colado a un monitor.

Os resultados deste tipo de interpretación son tan bos que non é raro atopar clientes que, ademais de eloxiar o traballo dos intérpretes, mostran a súa preferencia pola interpretación remota en detrimento da presencial, tanto pola calidade do audio como pola autonomía que lles ofrece a app. E, claramente, a un prezo moito menor que a interpretación simultánea física, onde é preciso montar e alugar todo o equipamento necesario na sede do evento.

Así que non se sorprendan se, unha vez descuberta a vacina, a “nova normalidade” dos servizos de interpretación simultánea continúe a ser o “distanciamento social” dos intérpretes. Iso si, axudados pola mellor tecnoloxía de interpretación remota para que as súas voces se escoiten ben de perto.

About Francisco de Borja González Tenreiro

Born in Galicia, Spain. Degree in Law from the University of Santiago de Compostela, studies in Translation from Birmingham City College (Birmingham, UK) and in Philosophy from UNED. Expert in legal, financial and institutional translation and interpretation, with more than fifteen years of experience as a translator and interpreter in Spain, United Kingdom, United States, Portugal and Brazil. In his long career as a simultaneous interpreter he has been the Spanish, English, Portuguese and Galician voice for many well-known personalities coming from the world of culture, science and politics, such as the latest two U.N. Secretaries-General, Mr. Ban Ki-Moon and Mr. António Guterres. He has also been the editor-in-chief for several bilingual publications, an award-winning column writer and is the general manager and head of legal-financial projects for englishpanish.

You May Also Like