Os imperativos da tradución xurídica

A tradución abrangue unha complexidade insuperable. Todo o máis ao que pode aspirar o tradutor coa súa réplica é a conseguir achegarse, na medida do posible, á intención e ás formas orixinais do autor: producir o produto inacabado -sempre inacabado…- máis parecido ao molde. Por iso, e aínda que existen traducións que se poden considerar auténticas obras mestras, esixir unha reprodución perfecta do documento fonte sería tanto como pedir dúas ondas do mar iguais.

Esta premisa –que desanima un pouco, xa o sei, que me van a dicir a min, que levo máis dunha década sufríndoa- rexe para todo tipo de traducións. Tamén, como non, para a tradución xurídica. Cunha diferenza. Aínda que noutras áreas, como a literaria, o desvirtuar lixeiramente o texto orixinal pode supoñer, en esencia, a omisión ou sobredimensión dun detalle descritivo dun personaxe ou unha forma máis ou menos refinada que a utilizada polo autor orixinal nun determinado capítulo, na tradución xurídica o mínimo descoido interpretativo á hora de traducir unha soa palabra pode converter unha sentenza dun xulgado de primeira instancia nun terrible embarazo legal de cen páxinas no tribunal de apelación, con consecuencias imprevisibles para o avogado e o seu cliente. Non, aquí ninguén «se arranxa» co Google Translate.

A tradución xurídica, como calquera outra tradución especializada, require dun técnico, no sentido que determina a RAE na súa acepción terceira:

persoa que posúe os coñecementos especiais dunha ciencia ou arte

Os coñecementos poden ser adquiridos mediante o estudo (carreiras universitarias de Dereito, Económicas, Políticas…) e a práctica (avogacía, organismos públicos, organizacións internacionais, etc.).

Mais existe un problema. A diferenza doutro tipo de traducións especializadas, estes coñecementos non son universais, pois son tan variados, xeograficamente falando, como as propias linguas que serven de ferramentas para a súa transmisión. Unha reacción química, un motor de inxección, un virus informático ou a reprodución por esporas son conceptos perfectamente traducibles a calquera idioma, posto que a descrición da súa fenomenoloxía é exactamente a mesma en calquera lugar do planeta. E é aquí onde radica un dos grandes obstáculos da tradución xurídica: as leis, o costume, o proceso… todo iso varía de país a país, e ata de rexión a rexión. A propia palabra que designa o «hábitat» do Dereito (país, rexión, Estado, comunidade autónoma…) pode constituír por si soa unha realidade xurídica de enorme complexidade, onde nocións como «Estado» ou «nación», aínda dentro dun mesmo idioma, poden aludir a entidades sociopolíticas diferentes, dependendo do lugar e contexto no que se utilicen… e ata do prisma histórico-político co que se escriba.

Para abarcar todas estas complexidades, a primeira calidade que debe sobresaír no noso tradutor é un coñecemento excelso da terminoloxía xurídica utilizada na lingua meta, terminoloxía que se complica polo seu desenvolvemento constante a golpe de leis e decretos: o proceso que no pasado se denominaba «creba», agora denomínase «concursal»; o que anteriormente era «acusado», e despois «impugnado», agora é «investigado» ou «encausado»; o que antes se chamaban «faltas» agora desígnanse como «delitos leves»… E isto só non abonda. O tradutor debe ademais dominar os conceptos legais, non só do idioma de orixe, senón tamén do país de orixe. Alguén pensará, «vaia leria», e con razón; se falamos do portugués, a nosa tradución pode proceder de dez países distintos onde o portugués é lingua oficial; se falamos do inglés este número dispárase xa a sesenta, divididos á súa vez en centos de territorios autónomos e entidades locais cos seus respectivos ordenamentos xurídicos diferenciados.

Afortunadamente para nós, os tradutores, a maior parte das nacións encádrase dentro dos dous sistemas principais do Dereito: o de influencia anglosaxoa ou Common Law, e o de Dereito civil, resultado evolutivo da recepción medieval do Dereito Romano e que se corresponde, principalmente, co dos países de linguas latinas. Aínda que o tradutor conte cunha educación e formación especializadas nun só dos sistemas, é moi importante que estea familiarizado con ambos e que sexa capaz de realizar rápidas asociacións mentais entre eles, sen esquecerse nunca de deterse a estudar as especialidades propias de cada rexión.

A modo de exemplo, un dos termos que máis dores de cabeza crea na tradución xurídica do inglés ao español é o de «trust». Esta palabra pode traducirse ao español como «confianza», «depósito», «fideicomiso» ou «fondo», entre outras, cambiando por completo o sentido de toda unha frase, parágrafo… e, mesmo, de todo un documento. Non hai máis que acudir a Internet para atopar un nutrido grupo de casos de tradución incorrecta da palabriña. Para poder afrontar con garantías a tradución de este e outros moitos conceptos con acepcións igual de dispares, como «equity», «claim», «deed» ou «several», é imprescindible saber distinguir entre os seus diversos significados e as súas correspondencias afíns no noso Dereito, con precisión case milimétrica. En caso de dúbida, e pola correlación mencionada entre as linguas latinas cos sistemas de Dereito civil e as linguas anglosaxoas co Common Law, o coñecemento doutros idiomas separadamente dos dous de orixe e destino pode ser de gran axuda ao tradutor, permitíndolle consultar outras traducións realizadas en combinacións lingüísticas que interactúen con ambos sistemas.

A tradución xurídica non é allea tampouco ao fenómeno da globalización, especialmente no ámbito financeiro, onde resulta cada vez máis habitual a utilización de términos anglosaxóns dentro do español: offshore, rating, commodities ou swaps son palabras que xa escoitamos fóra do noso círculo profesional, ben a través dos medios de comunicación, ben a través dun amigo ou un familiar que o leu/escoitou nos medios de comunicación. Aínda que é certo que moitos destes vocábulos non teñen o seu equivalente en español, cada vez con maior frecuencia, precisamente por esa forza globalizadora que exercen os medios, abúsase da utilización da voz inglesa en casos onde existe unha palabra en español cun contido semántico idéntico. É dicir, óptase pola vía menos complexa: non se traduce. Pero para iso queriamos os servizos dun tradutor? Empecemos outra vez a ler este artigo desde o principio…

 

Artigo escrito orixinalmente en español e traducido ao galego por Sara Novo Carballeira.

About Francisco de Borja González Tenreiro

Born in Galicia, Spain. Degree in Law from the University of Santiago de Compostela, studies in Translation from Birmingham City College (Birmingham, UK) and in Philosophy from UNED. Expert in legal, financial and institutional translation and interpretation, with more than fifteen years of experience as a translator and interpreter in Spain, United Kingdom, United States, Portugal and Brazil. In his long career as a simultaneous interpreter he has been the Spanish, English, Portuguese and Galician voice for many well-known personalities coming from the world of culture, science and politics, such as the latest two U.N. Secretaries-General, Mr. Ban Ki-Moon and Mr. António Guterres. He has also been the editor-in-chief for several bilingual publications, an award-winning column writer and is the general manager and head of legal-financial projects for englishpanish.

You May Also Like