«Keep your friends close, and your enemies even closer». Xa o dixo Maquiavelo hai máis de 500 anos. E quen fala de inimigos, fala tamén de false friends. Na vida dun tradutor profesional, as palabras de Maquiavelo convértense nun auténtico mantra. Os false friends axexan en todas e cada unha das áreas terminolóxicas do idioma inglés, levan a equívocos, e da súa adecuada tradución pode depender o éxito do teu traballo.

ORIXE DOS «FALSE FRIENDS»

Como todos sabemos, os «False Friends», son aquelas palabras que, por ser gráfica ou foneticamente iguais ou similares en dous idiomas, parecen suxerir a idea de que ambas teñen o mesmo significado e son polo tanto susceptibles de ser traducidas de xeito literal. O Dicionario de uso do español de María Moliner defíneos como: «palabra ou expresión dunha lingua estranxeira que por ser moi similar a outra da lingua propia pode ser interpretada incorrectamente».

Este termo acuñárono en 1928 Koessler e Derocquigny coa ocasión da publicación do seu libro «Les faux-amis ou les trahisons du vocabulaire anglais», e a súa tradución como false friends ou falsos amigos é, actualmente, a denominación máis común e usual para se referir a este tipo de palabras.

Podemos atopar estes termos en todas as áreas temáticas do idioma inglés, dende a linguaxe máis informal ata a terminoloxía máis especializada, aínda que, posiblemente, os máis salientables encóntranse na terminoloxía empregada na tradución xurídica e xurada, e sobre todo nesta última, xa que as traducións xuradas son traducións oficiais dirixidas a fornecer efectos legais no idioma de destino.

Neste ámbito de traballo, podemos atopar, ademais, palabras que, aínda que non entran dentro da categoría de false friends na linguaxe común, coloquial ou, inclusive, noutras áreas especializadas de coñecemento, porén si caen baixo esta denominación no tocante á tradución xurídica, xa que o vocabulario xurídico e legal é unha terminoloxía precisa, na que o tradutor debe profundar no alcance e significado do termo polisémico na lingua orixe para buscar un equivalente adecuado na lingua meta.

A continuación recóllese a primeira parte dunha serie de posts dedicados aos false friends entre o inglés e o galego, nos que se ofrece un pequeno compendio de termos aplicados ao ámbito xurídico que constitúen un mini glosario de false friends, coas súas correspondentes explicacións e a súa equivalencia adecuada no galego xurídico.

GLOSARIO DE «FALSE FRIENDS»

   1. ARTICLE

O nome «article» pode traducirse perfectamente en galego como artigo, inclusive no contexto do galego xurídico, cando estivermos a falar a título individual das diversas disposicións contidas nunha lei. Para facer referencia a todo o conxunto de artigos dunha lei, que en inglés vén indicado pola palabra «articles», a tradución correcta en galego debería ser articulado. Con todo, no contexto do Dereito de Contratos, o equivalente máis axeitado de «article» sería cláusula. Profundando un pouco máis no Dereito Mercantil, constituiría un erro traducir o termo «articles of association» como artigos ou cláusulas de asociación, xa que o termo inglés fai referencia ao documento que contén as provisións ao respecto da organización (entendida en sentido amplo) dunha determinada empresa, polo que se debe traducir como estatutos sociais.

  2. CONDITION PRECEDENT

«Condition precedent» é un vocábulo empregado sobre todo en Dereito de Contratos, e refírese a unha condición que debe cumprirse de xeito previo, pois no caso contrario o contrato non entrará en vigor. É dicir, a validez e a vixencia do contrato fican condicionadas polo cumprimento dunha condición ou requisito determinado por unha ou ámbalas dúas partes contractuais. Traducir literalmente este termo por condición precedente ou condición previa é un dos erros de tradución máis comúns neste sector do dereito. En galego dispoñemos dun termo específico con este mesmo significado, que é condición suspensiva, condición que deixará en «suspenso» a obrigación, polo que a mesma non será esixible en tanto a condición non for cumprida.

  3. DATA CONTROLLER

Como xa temos explicado noutro post, o termo «data controller», no ámbito da Protección de Datos de Carácter Persoal, non se debe traducir como controlador de datos. Non fai referencia a aquela persoa que exerce control ou supervisión sobre os datos persoais recollidos ou recompilados, senón que, de conformidade coa propia definición que aporta o Regulamento Europeo de Protección de Datos, ten máis a ver coa capacidade de tomar decisións no que respecta á finalidade e os medios que se foren a utilizar para o tratamento dos datos persoais. Por iso, a tradución adecuada é responsable do tratamento.

 4. EVICTION

Especial interese ten o vocábulo inglés «eviction», posto que representa un dos paradigmas dos false friends inglés–galego no ámbito xurídico. «Eviction» fai referencia ao desafiuzamento dun arrendatario por orde xudicial, por causa de impago tanto das rendas debidas como de outras cantidades pecuniarias ao arrendador, de danos dolosos no inmoble ou mesmo noutras circunstancias. Evicción, vocábulo galego empregado tamén na terminoloxía xurídica, é o termo ao que semella (erroneamente) facer referencia «eviction». Non obstante, posúe un significado totalmente distinto, pois é a perda dun dereito aparente dunha persoa sobre unha cousa por mor do dereito preexistente dun terceiro sobre a mesma, en virtude dunha resolución xudicial firme que recoñeza a primacía do devandito dereito anterior, unha institución xurídica moi usual no contrato de compravenda.

  5. EXHIBIT

«Exhibit» no inglés común fai referencia a algo exhibido, a unha exposición ou mostra ao público dunha determinada cousa. En dereito, «exhibit» ten outra acepción na orde xurisdicional penal, como aquel documento ou obxecto utilizado con fins probatorios nun xuízo; neste caso tradúcese como proba, que pode ser documental ou instrumental. No inglés contractual, en contratos e informes, emprégase o vocábulo «exhibit» co mesmo significado, e, en ocasións, con igual animus probandi, para designar aqueles documentos que completan e/ou complementan o documento principal, no que se basean as súas propias disposicións. Neste último caso, «exhibit» traduciríase como apéndice ou anexo.

  6. SENTENCE

«Sentence» é un dos false friends máis relevantes do inglés xurídico. O termo inglés «sentence» refírese á pena imposta en virtude de resolución xudicial a un individuo, que pasa de ser investigado a condenado; é dicir, a condena. Deste xeito, emprégase nun contexto exclusivamente punitivo/penal. Con todo, en galego, sentenza refírese, de modo xeral, a toda resolución procedente dun xuíz ou tribunal, que decide con carácter definitivo un proceso, causa ou recurso, ou que reviste esta forma por estar así establecido na lexislación procesual. Como podemos observar, en galego esta resolución procesual fica desprovista do carácter exclusivamente punitivo que posúe en inglés, co cal ambas palabras non son, para nada, equivalentes. Poderiamos traducir o termo inglés «sentence» como condena ou, máis concretamente, como pena ou veredicto, en función do contexto, namentres que a voz galega sentenza, empregada para designar unha decisión xudicial nunha orde xurisdicional diversa á penal, traduciríase como «jugdment» ou «decision».

Como temos podido ver, os false friends no ámbito xurídico precisan dun nivel axeitado de identificación e comprensión para poder ser traducidos correctamente. Como tradutores, debemos ter a agudeza e o coidado necesarios con estas palabras que levan a confusión e que condicionan a nosa tradución tanto ou máis que con outros termos que, dende o comezo, identificamos como dificilmente traducibles.

Conclusión? Pois, como ben dicía o proverbio: «False friends are worse than open enemies».

Para rematar, velaquí deixo una táboa resumen, incluíndo tódolos termos tratados neste post.

                         INGLÉS        

GALEGO

Article

Artigo / Cláusula

Articles

Articulado

Articles of Association

Estatutos Sociais

Condition Precedent

Condición suspensiva

Data controller

Responsable do tratamento

Eviction

Lanzamento / Desafiuzamento

Exhibit

Proba

Exhibit

Apéndice / Anexo

Sentence

Condena / Pena / Veredicto

 

About María Jesús Fernández Villar

Bachelor's degree in Translation and Interpreting. Degree in Law. Sworn Translator ES-FR No. 8381. Translator and proofreader in the French and English to Spanish combinations.

You May Also Like