A interpretación telefónica

Que sucede cando un paciente polaco entra nunha sala de urxencias en Aragón? O máis probábel é que ningún profesional sexa quen de o asistir na súa lingua materna. Tamén é moi común que o paciente non domine a lingua española e non poida explicar cal é a urxencia. Esta situación de bloqueo atopa unha solución eficaz e inmediata na interpretación telefónica.

Que é a interpretación telefónica?

A interpretación telefónica é unha modalidade de interpretación que se realiza en contextos moi diversos. O factor común é a presenza de dous interlocutores que non son capaces de manter unha conversa eficaz por mor da barreira do idioma. En lugar de solicitar a presenza física do intérprete nun lugar concreto, os interlocutores recorren ao profesional por medio de sistemas de telecomunicación. Estas situacións pódense dar en hospitais, hoteis ou comisarías, onde ambos os dous interlocutores se atopan cara a cara. No entanto, tamén se dá o caso en outros contextos onde dúas persoas se comunican a través dun dispositivo de comunicación telemática, como por exemplo unha chamada ao número de urxencias.

A quen vai dirixido este servizo?

No eido público, o servizo é unha institución pública a que o garante e os seus beneficiarios son estranxeiros que precisan resolver algunha cuestión administrativa ou facer uso de servizos básicos. A modo de exemplo, este servizo funciona en Aragón dende o 2010 en diversos centros sanitarios, educativos, sociais e de emprego. No eido privado, por outra banda, atopamos particulares e empresas. Os clientes particulares solicitan este servizo cando realizan algún trámite no estranxeiro, ou simplemente cando viaxan. No caso das empresas, o servizo ten como finalidade afianzar relacións comerciais co estranxeiro, vitais para estas entidades debido á globalización.

Quen realiza este servizo?

Intérpretes profesionais con formación no sector e unha ampla experiencia. A interpretación telefónica supón unha grande vantaxe para o cliente, pois pode solicitala sen aviso previo. Esta mesma característica esixe aos intérpretes seren capaces de faceren fronte á encomenda en calquera circunstancia e sen preparación previa específica sobre o caso. Consecuentemente, é indispensábel que se trate dun auténtico profesional.

Que vantaxes garante a interpretación telefónica?

A comunicación será máis eficaz, xa que se está a confiar nun profesional formado e con experiencia. Deste xeito, evítase toda perda de información e malentendidos. Así mesmo, a vantaxe de o intérprete non precisar de se desprazar garante un servizo instantáneo no momento que xurda a necesidade de solicitalo. No caso das institucións públicas, este servizo contribúe coa integración de minorías sociais en momentos de máxima necesidade.

Como funciona?

Para asegurar un bo servizo é fundamental dispor dunha boa conexión. O ideal é que ambos os dous interlocutores se conecten de xeito independente co intérprete, sen necesidade de compartir un mesmo auricular.

En definitiva, a interpretación telefónica supón unha solución intelixente fronte a situacións de incomunicación nas que se precisa actuar con rapidez. As vantaxes son obvias: celeridade, profesionalidade e eficacia. Os recursos necesarios, mínimos. A próxima vez que se atope nunha situación deste tipo, non dubide: contacte cun profesional que poida asegurar a súa tranquilidade.

About Antonio Leal Fernández

Graduate degree in Translation and Interpretation from Universidade de Vigo (2013). Translator and proofreader in the German and English to Spanish combinations.

You May Also Like